Comunicado oficial sobre a venda de abonos de O Son do Camiño

Desde a Organización de O Son Do Camiño queremos expresar a nosa alegría polo que foi un éxito absoluto sen precedentes na historia da música en directo no noso país: os 20.000 abonos que estaban á venda para a primeira edición do Festival esgotáronse en menos de dúas horas.

Dos 20.000 abonos vendidos, un 50% vendéronse en Galicia e outro 40% no resto das Comunidades Autónomas do noso país. Ademais, podemos destacar a repercusión internacional que tivo este cartel xa que se compraron abonos nun total de 12 países. Por isto, xa que un 50% dos abonos foron comprados fóra da nosa Comunidade Autónoma, podemos confirmar que O Son Do Camiño terá unha repercusión económica de millóns de euros en toda Galicia.

O noso máis sincero agradecemento a todos aqueles que depositastes a vosa confianza en nós para celebrar os próximos 28, 29 e 30 de xuño a primeira edición de O Son Do Camiño xunto a miles de persoas e grandísimos artistas de renome nacional e internacional.

Sobre o proceso de venda de entradas, queremos resaltar que a demanda foi un 400% superior ás entradas que estaban á venda e que o sistema de compra funcionou de maneira correcta en todo momento. As colas virtuais que se implementaron son naturais dun proceso de compra destas características e queremos ratificar que o número de entradas que se venderon en cada un dos tramos de prezo respectaron aquelas cotas que foron anunciados.  Os minutos de espera nas citadas colas foron unicamente debidos ás decenas de miles de persoas que en todo momento optaban á compra do seu abono. Mesmo antes da hora á que foron postos á venda os abonos do Festival, miles de persoas estaban xa conectadas na nosa web.

Nin a Organización de O Son Do Camiño como promotores nin a plataforma oficial de venda de entradas reservamos ou rediriximos ningunha entrada ao mercado secundario. Sobre este aspecto a nosa posición é rotunda. Non só sabemos que a revenda de entradas é un problema a nivel nacional que mesmo se está debatendo nas Cortes senón que ademais, desde dentro da Asociación de Promotores Musicais (da que formamos parte) está a estudarse interpoñer accións legais ante estes casos e quen estea detrás dos mesmos. Tamén lembramos que en todo momento comunicouse que as entradas só estarían dispoñibles a través das canles oficiais: www.ticketea.com e www.osondocamino.es. Ademais, para loitar contra o fenómeno dos mercados secundarios, desde a Organización limitouse a venda a un máximo de seis entradas por usuario.

Somos coñecedores de que un gran número de persoas non tiveron a posibilidade de comprar o seu abono debido á alta demanda. Proximamente desde a Organización poñeranse á venda as entradas para cada un dos días do Festival.

De novo grazas, e bo camiño.

Actualidade Comunicados