The Killers por primeira vez en Galicia.

Será en “O Son do Camiño” onde os de Nevada estrearanse en terras galegas.

Tratándose de The Killers poderiamos contarche os millóns de discos que venderon ao longo do mundo, poderiamos contarche acerca dos seus números un nas principais listas musicais ou poderiamos contarche que tocaron nos escenarios máis emblemáticos. Pero todo iso xa o sabes.

O que non ten precedentes é a súa cita este verán no Monte do Gozo, Santiago de Compostela. E é que por moi raro que pareza, a banda estadounidense liderada por Brandon Flowers aínda non tachara a comunidade galega da súa lista de lugares pendentes. En directo, levarannos de viaxe á súa cidade natal: Las Vegas, a través dun potente espectáculo musical e como non… luminoso.

Con “Wonderfull Wonderfull”, en setembro do pasado ano, The killers, xunto co produtor Jacknife Lee (Weezer, R.E. M), poñía fin a un período de 5 anos sen novo disco. O resultado é un traballo innovador, no que a banda deixou de ser “a máis británica de Estados Unidos”. Cun claro estilo americano, sobre todo en temas como “ Run For Cover” e Tyson vs Douglas”, o grupo abraza os sintetizadores como a fórmula perfecta para ofrecernos un repertorio de son moito máis denso do que víramos ata agora. En palabras de Brandon Flowers:

“A banda evolucionou, levamos máis anos xuntos e maduramos. E creo que iso se nota nas novas cancións. Agora teño trinta e seis anos e tres fillos. Encántame e estou feliz. Creo que este disco represéntame dalgunha maneira”

En canto ás letras das cancións, o propio Flowers afirma “ estamos ante as máis persoais e espidas que escribise nunca. Algunhas están marcadas por experiencias propias e outras son unha viaxe aos oitenta”. As temáticas son diversas, dende lendas do boxeo ata cuestionar o paradigma de masculinidade, pasando pola súa vida sentimental e familiar.

Se es como nós e xa che escoitaches “ Wonderful Wonderful” incontables veces, recomendámosche o remix recentemente publicado de “ Run For Cover” xunto co DJ australiano Naderi.

Se aínda tes ganas de máis, esta lista dos seus mellores temas creada por eles mesmos é o que estabas a buscar.

Actualidade Artistas