Isa Cea Triángulo Amor Bizarro
Isabel por Jose_Luis Luna
Isabel Cea, fotografiada por Jose Luis Luna

As rapazas non somos "groupies", somos estrelas do rock!

Na súa primeira edición, o festival galego superará a media española de actuacións por parte de mulleres en festivais.

Hoxe, Día Internacional da Muller, poñemos o foco sobre un tema que nos importa, e moito: a situación da muller no panorama musical español, en concreto nos festivais. A pregunta é: por que non hai máis mulleres artistas nos festivais? Os datos así o confirman.

Segundo un estudo realizado por Ticketea, nos 20 festivais máis grandes de España, só un 15,3% dos artistas son mulleres ou bandas que incluen mulleres na sua formación principal.

No caso concreto de O Son do Camiño, dobramos esa cifra cun 33%. Nove das vinte e sete actuacións programadas ata a data protagonízanas artistas que son mulleres ou bandas que inclúen mulleres na súa formación principal. Con todo, aínda queda moito camiño por percorrer.

Pero… cales son as razóns desta situación? O programador do Sónar, Jose Luís de Vicente, apunta a unha delas: o sesgo machista que segundo Ale Castelán, afecta a todos os campos do sector, e que se non se combate conscientemente, reprodúcese. Afondando neste tema, de Vicente afirma:

“Es un avance importante darse cuenta de que ese sesgo existe, y de que existe por nuestra parte a la hora de seleccionar y valorar, y por parte de la industria a la hora de facilitar y promover.”

Pero esa non é a única razón, outra delas é a (aparente) falta de referentes femininos. Dende Mujeres y música reflexionan:

“No hay mujeres en los festivales porque no hay tanta oferta ni demanda de música hecha por mujeres; no hay tanta oferta y demanda de música hecha por mujeres porque nos faltan referentes de mujeres que hagan música”

Neste ámbito é onde queremos achegar o noso gran de area. Este ano acompañarannos polo momento, en 9 actuacións distintas, mulleres artistas ou agrupacións que inclúen mulleres. Na nosa opinión, referentes en toda regra a nivel musical. Preparádevos para flipar.

Bala

Facer moito ruído é o obxectivo de Ánxela e Violeta, creadoras deste grupo galego difícil de catalogar. Moi influenciadas polo harcore punk e o grunge tocaron por Europa, Australia e Xapón o seu primeiro álbum “ Human Flesh”. Agora volven a por máis co seu segundo traballo “ Lume”.

Agoraphobia

Lideradas pola incrible voz de Susana, catro mozas galegas forman este grupo cun directo irresistible. Despois de virar por toda España e mesmo no festival “ SXSW” de Austin, Texas, demóstrannos que levan o indie garage rock no sangue a través do seu segundo álbum “ Incoming Noise”

The Gift

Entre o pop rock e a electrónica móvese esta banda independente portuguesa liderada pola singular voz de Sònia Tavares. Como xa demostraron na Praza da Quintana de Santiago, en directo ofrecen un espectáculo enérxico e sorprendente, onde mostran o mellor de si. Sen esquecernos de que foron número 1 con múltiples hits.

Måneskin

Vitoria De Angelis marca co seu baixo o ritmo desta xove banda de rock italiana influenciada por outros xéneros como o reggae, o funk e o pop. As súas cancións acumulan millóns de reproducións despois do seu gran éxito na edición nacional do programa X Factor. En O Son do Camiño presentarannos o adianto do seu próximo disco (Outono): Morirò dá re

The Last Internationale

Delila Paz e Edgey Pires compoñen esta banda activista formada nas rúas de Nova York. A través do folk, o blues e o punk rock fusionan sentimentos como a axitación cos problemas das clases traballadoras en letras politicamente cargadas. Non deixan indiferente a ninguén.

Triángulo de Amor Bizarro

O cuarteto galego, a través da súa música visceral e valente, posiciónase como unha banda única dentro da escena iberoamericana. Inspíranse no noise, indie, post-punk e space-rock entre outros. Despois de gañar catro premios MIN en 2017 incluíndo “mellor álbum do ano” preséntannos o seu último traballo en marzo: “O Gatopardo”. Estará o seu adianto “O Isa” dedicado á baixista do grupo Isabel Cea?

Morgan

Carolina de Juan, máis coñecida como Nina, é a frontwoman de Morgan. Xuntos dende 2012, lévannos de viaxe a través de xéneros como o rock, o funk e o soul nos seus directos espectaculares. Os de Madrid publican en marzo o seu segundo álbum de estudo “ Air”, aquí tedes o seu single.

Rufus T. Firefly

Rufus T. Firefly é xa unha banda recoñecida por medios e crítica dentro do panorama independente Español, a pesar da mocidade dos seus compoñentes. Con Julia Martín-Maestro á batería, a súa enerxía e son profundamente sofisticado foxe do evidente. Construíndo en cada produción e directo un ambiente de maxia e rock con matices cara a unha psicodelia pulcra e altamente adictiva.

Plya

A voz de Julia Sykes é o centro de PLYA , unha banda británica cuxo nome pronúnciase como a palabra “praia” en español. Orixinaria de Mallorca, foi no Reino Unido onde coñeceu ao resto de integrantes da banda. Fusionan o estilo sofisticado da escena londiniense con as sedutoras praias da costa oeste de Los Ángeles a  través de pop electrónico.

Furious Monkey House

Esta banda de pop rock de aires dos noventa naceu como un proxecto na clase de música. Formada por Amaya, Carlota, Diego, Irene, Mariña, de entre 12 e 14 anos, e un mono furioso. Deixan a boca aberta ao mundo coa súa calidade no escenario, algúns tan grandes como o Festival  PortAmérica ou o Primavera Pop. O seu próximo reto, O Son do Camiño.

The Niftys

A voz de Anita lidera esta banda de Rock’ n’ roll albaceteña cuxo son pasa polo garage, o blues, o rockabilly ou o punk. Tras tocar en festivais como o Sonorama, chegan a Santiago de Compostela da man de Estudios Mans coa enerxía, potencia e diversión que caracteriza aos seus directos. “Stoke the fire” é o nome do seu álbum debut e así é como soa:

Actualidade Artistas