Back to the top

José González

José González é un cantautor e guitarrista sueco (de pais arxentinos) que pasa por ser un dos grandes nomes do folk da súa xeración. O seu pensamento artístico e profundo fai da súa forma de afrontar a composición, tanto da música como das letras, unha categoría aparte.

Vestiges and Claws é a súa última entrega, o resultado de anos de bosquexos musicais que González consegue seleccionar con mestría compoñendo un mosaico de cancións que harmonizan dunha forma perfecta. Traballar sen produtor permitiulle crear un álbum menos purista, menos estrito. Nel pódense atopar dende cancións protesta a folk rock excéntrico. Dende frustración a optimismo. Unha colección que é á vez confiada, libre e incerta e que nos fala sobre temas existenciais en cancións que acumulan millóns de reproducións en plataformas como YouTube e Spotify.

O cinema, as series e mesmo os videoxogos non se resisten ao talento de González. Destaca a súa participación na banda sonora de A vida secreta de Walter Mitty protagonizada por Ben Stiller, así como nas series House, Bones ou Scrubs e no videoxogo Red Dead Redemption.

Os seus directos, sempre acompañado da súa fiel guitarra Alhambra, son musicalmente preciosos, mentres que a súa voz percorre letras profundas dunha forma única que transmite unha forza tranquila coa que conecta co seu público.