A CORUÑA E A COSTA DA MORTE
O litoral coruñés contén algunha das praias máis impetuosas e espectaculares de Galicia. A denominada Costa da Morte foi testemuña de incontables lendas e, hoxe, é un dos mellores destinos para practicar surf da comunidade. Ademais, a cidade da Coruña, cosmopolita e moderna, encerra monumentos tan fermosos como a Torre de Hércules. A súa oferta gastronómica e o seu ambiente nocturno namorarán a calquera festivaleiro.
Surf en Pantín
A praia de Pantín (Valdoviño) acolle cada ano o Pantín Classic Galicia Pro, un evento que forma parte do campeonato mundial de surf. É a proba de que se trata dun dos mellores areais de Galicia para practicar este deporte.
Costa da Morte e Fisterra
Os romanos situaban a fin do mundo en Fisterra. Non crían que puidese haber algo máis alá dese Atlántico furioso que baña a Costa da Morte, un nome que retrata as historias de naufraxios deste lugar de lenda.
Torre de Hércules
A Torre de Hércules é o faro en funcionamento máis antigo do mundo. Esta construción Patrimonio da Humanidade data do século II d.C. e vixía a cidade da Coruña dende o seu paseo marítimo.
San Xoán no Orzán
A noite do solsticio de verán, a praia coruñesa do Orzán énchese de fogueiras ou cacharelas. A tradición manda saltar por enriba delas para liberarse dos malos espíritos.
Tapas na Coruña
Os bares do centro da Coruña arrastrarante dun a outro, sempre repletos de xente de calquera idade. A oferta gastronómica da área é apta para todos os gustos.